Monday 13 de May de 2024

Luz verde ao proxecto de rexeneración do espazo dunar da Praia Grande de Miño


• O Boletín Oficial do Estado publica a aprobación definitiva da actuación, paso previo á licitación da intervención e posterior inicio dos traballos.

• O proxecto supoñerá a integración do antigo campo de fútbol, a substitución da pasarela, a creación dunha nova cara ao posto de socorrismo e a eliminación de especies invasoras.

A ansiada recuperación do espazo dunar da Praia Grande de Miño está cada vez máis próxima debido á recente publicación no Boletín Oficial do Estado da aprobación definitiva da actuación.
A intervención, dotada cun orzamento próximo aos dous millóns de euros procedente do Ministerio de Transición Ecolóxica a través da Demarcación de Costas, supoñerá a integración na marisma o terreo do antigo campo de fútbol; a substitución da pasarela por unha a nivel de chan dun material acorde co espazo; a execución dunha nova pasarela accesible cara ao posto de socorrismo e a eliminación de plantas invasoras.

Deste xeito, logo da exposición pública do proxecto durante o pasado mes de marzo, tanto na casa do concello como no portal web do Ministerio, e a recente aprobación definitiva o seguinte procedemento será a licitación da actuación e o posterior inicio dos traballos.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, celebra a luz verde a un proxecto que “suporá un notable beneficio ambiental ao mesmo tempo que permitirá ofrecerlle á veciñanza e aos visitantes un espazo máis accesible e integrado na contorna”.